Saturday 18 de May de 2024

Cariño abre o prazo para a convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro do ano 2022


· Poderán presentarse as solicitudes ata o 5 de decembro.

· Destínanse 18.000 euros en total do orzamento, e a axuda máxima é de 1.500 euros.

O Concello de Cariño abrirá mañá o prazo para enviar as solicitudes á súa convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro do municipio. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases dunha liña de axudas dotada con 18.000 euros de orzamento que ten como obxectivo fomentar a participación cidadá nas distintas actividades de carácter educativo, deportivo, cultural e outras de utilidade pública.

O goberno local convoca esta subvención, en réxime de concorrencia competitiva, acreditando como gastos subvencionables os ocasionados pola realización de actividades, proxectos ou investimentos nos seguintes ámbitos: promoción e cooperación cultural ou deportiva e os que persigan un interese social ou sexan de utilidade pública. A axuda máxima será de 1.500 euros e en ningún caso o importe da subvención poderá superar o 80% dos gastos.

O prazo para formalizar as solicitudes estará aberto ata o próximo 5 de decembro e deberá presentarse a través da Sede electrónica do Concello de Cariño ou no Rexistro. Poderán solicitar a subvención as asociacións e entidades sen fin de lucro que estean rexistradas no Rexistro Municipal de Asociacións ou que teñan feita a solicitude para a súa inclusión.